O Título de Grao en Fisioterapia iniciou a súa andaina dentro do novo marco establecido polo Espazo Europeo de Educación Superior no curso 2009/2010. En dito curso pasamos da Diplomatura de Fisioterapia, cunha duración de tres anos, ao Grao en Fisioterapia, de catro anos. Esta implantación do Título de Grao realizouse dos 4 cursos á vez, sendo a única en España en realizalo de tal xeito, pois a maior parte do alumnado da Diplomatura continuou coa súa formación dentro do novo Título de Grao. Iso conlevou, en xuño de 2010, a graduación da primeira promoción de Graduados e Graduadas de Fisioterapia da Universidade de Vigo.
O obxectivo básico do Grao en Fisioterapia é formar profesionais da Fisioterapia que den resposta ás demandas dunha sociedade cambiante, multicultural e que demanda cada vez máis unha maior calidade nas prestacións. Polo tanto, pretende facilitar a adquisición das competencias necesarias para a prestación dunha atención de calidade ao usuario que demande os seus servizos, ben sexa na recuperación e rehabilitación de disfuncións ou discapacidades somáticas, ben sexa na promoción da saúde e prevención da enfermidade.
A formación ofrecida no Título está orientada, fundamentalmente, á función asistencial do futuro estudantado egresado, se ben tamén se lle dota de ferramentas básicas aplicables a tarefas de investigación, divulgación científica e docencia.