No curso 2020/21 implántase un novo plan de estudos do Título de Grao en Fisioterapia para atender ás novas necesidades detectadas. Para realizar esta modificación tivéronse en conta tanto o informe de seguimento do título coma o de acreditación.
O obxectivo básico do Grao en Fisioterapia é formar profesionais da Fisioterapia que den resposta ás demandas dunha sociedade cambiante, multicultural e que demanda cada vez máis unha maior calidade nas prestacións. Polo tanto, pretende facilitar a adquisición das competencias necesarias para a prestación dunha atención de calidade ao usuario que demande os seus servizos, ben sexa na recuperación e rehabilitación de disfuncións ou discapacidades somáticas, ben sexa na promoción da saúde e prevención da enfermidade.
A formación ofrecida no Título está orientada, fundamentalmente, á función asistencial do futuro estudantado egresado, se ben tamén se lle dota de ferramentas básicas aplicables a tarefas de investigación, divulgación científica e docencia.