Benvid@ á páxina web da Facultade de Fisioterapia
Benvid@ á nosa facultade en nome de todos os que formamos parte do centro. Agardamos que, navegando polos distintos apartados desta web, sexamos capaces de trasladarche as liñas básicas do que podes atopar na nosa titulación tanto se pertences xa ao centro como se non.
A función principal da Facultade de Fisioterapia actualmente é impartir o Grao en Fisioterapia, así como ser un vehículo de proximidade da nosa profesión có tecido socioeconómico de, sobre todo, a área xeográfica na que se circunscribe a Universidade de Vigo, que son as provincias de Ourense e Pontevedra. De todos os xeitos, no noso centro atopámonos tanto con estudantado procedente do resto do territorio autonómico como doutras comunidades autónomas ou do estranxeiro.
O Grao en Fisioterapia está enfocado a sentar as bases da profesión de fisioterapeuta dentro duns altos niveis de calidade. Isto é algo que ven confirmado pola opinión que teñen as persoas empregadoras do noso estudantado graduado, quenes conceden unha alta valoración ao seu desempeño laboral e á súa formación, e, polo tanto, ás competencias adquiridas na formación recibida. De cara a manter esta apreciación e o nivel formativo que goza na actualidade o noso Título, contamos cun profesorado especializado que procura manterse actualizado e formado nos principais métodos terapéuticos da actualidade. Isto é especialmente reseñable en todos aqueles que conforman as Estadías Clínicas. Éstas constitúen o groso da formación práctico-clínica en diferentes institucións sanitarias do ámbito público e do privado, tal e como poderás observar na nosa web.
Ademais, a eficacia desta función docente apóiase tamén no desenvolvemento dunha función titorial permanente do estudantado desde o comezo dos seus estudos de Fisioterapia, na apertura paulatina de novas vías de formación noutras universidades españolas e estranxeiras, ou no desenvolvemento de prácticas extracurriculares, ben en diversos eventos deportivos, ben noutras institucións sanitarias da Comunidade Autónoma non vencelladas á formación clínica regulada do Título de Grao (as Estadías Clínicas). Con isto procuramos facilitar non só a parte formativa do estudantado, se non tamén aspectos como o desenvolvemento integral da persoa, a mentalidade aberta, o espírito crítico, ou ter unha perspectiva máis ampla da profesión.
Por outra banda, e a pesar da xuventude histórica da nosa profesión dentro da universidade española, non queremos deixar de mencionar que tamén estamos abrindo camiño pouco a pouco na función investigadora. No noso camiño de mellora continua, o persoal docente co grao de doutor incrementouse claramente nestes últimos anos, participando xa de forma asidua en proxectos de investigación e no desenvolvemento de teses de doutoramento.
Finalmente, anímovos a todos a ser partícipes neste crecemento da Fisioterapia e invítovos a que, non soamente visitedes a nosa web para coñecernos mellor, se non tamén a axudarnos coas vosas suxestións e opinións a ser mellores día a día.
Un cordial saúdo e moita saúde para tod@s.
O equipo decanal