O campus de Pontevedra conta coa certificación internacional Green Campus, que está orientada á realización de actividades de educación ambiental

Green Campus é un Programa internacional da Fundación para a Educación Ambiental FEE (Foundation for Environmental Education). A FEE concedeu ao campus de Pontevedra a distinción Green Campus e por tanto a Universidade de Vigo xunto á da Coruña son as primeiras universidades a nivel estatal en recibir esta bandeira, que distingue o coidado e a prevención ambiental.

A FEE agrupa a 76 ONG, en 65 países nos cinco continentes. En cada un dos estados participantes existe unha organización responsable dos programas da FEE (Bandeira azul, Chave verde e Ecoescolas) que se orientan á realización de actividades de educación ambiental. No estado español, esa organización é ADEAC (Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor).

Obxectivos básicos do programa Green Campus

  • Aplicar de forma progresiva unha adaptación da metodoloxía do programa Ecoescolas ao ámbito universitario.
  • Articular o compromiso adquirido pola universidade en favor dun desenvolvemento máis sustentable e equitativo.
  • Dar valor engadido ao que xa se está facendo e proporcionar un recoñecemento e un estímulo para continuar facéndoo, ser un exemplo para terceiras persoas.
  • Implicar a comunidade universitaria na mellora ambiental do campus ou da facultade que participa no programa.
  • Traballar en rede con distintas universidades, tanto nacionais como internacionais.

Presentación do programa Green Campus

Arboreto do Campus de Pontevedra

 

O Comité Ambiental do programa internacional Green Campus do campus de Pontevedra realiza a seguinte declaración ambiental que asume o compromiso básico en favor do desenvolvemento sostible e equitativo para o que resulta imprescindible trasladar os valores e principios ambientais ás actividades docentes, investigadoras e de servizos xerais de forma que resulten coherentes co referido desenvolvemento. Todo iso desde unha dimensión global e en cooperación permanente con outras experiencias semellantes.

Conscientes da relevancia medioambiental da área da Xunqueira que se atopa situada no sistema fluvial do río Lérez e encadrada na Rede Natura 2000 e na Zona de Especial Protección de Valores Naturais.

Conscientes da necesidade de educar e sensibilizar en materia ambiental os colectivos que integran a comunidade universitaria (estudantes, PDI e PAS) para garantir a eficacia das iniciativas medioambientais e de fomentar as actitudes activas de defensa ambiental entre usuarios e usuarias de todos os centros, servizos e instalacións do campus.

Conscientes da indispensable necesidade de establecer e manter un diálogo continuo e unha colaboración estable coas institucións públicas locais e coas entidades e asociacións ambientais da contorna máis próxima.

Esta declaración ambiental concrétase nos seguintes compromisos:

Promover a reciclaxe, a recuperación e a reutilización de materiais, e velar pola redución da xeración de residuos nas actividades cotiás.

Reducir a contaminación consecuencia das actividades universitarias mellorando a eficiencia e o rendemento enerxético dos edificios e instalacións universitarias.

Incorporar a consideración da dimensión medioambiental tanto nas actividades universitarias docentes e de investigación como nas tarefas relativas á construción e ao mantemento dos edificios e das instalacións, buscando protexer e fortalecer os hábitats naturais e a biodiversidade.

Promover modos de transporte que tendan a minimizar o impacto ambiental.

Asegurar que os criterios medioambientais sexan considerados no subministro de bens e na prestación de servizos

Fomentar a concienciación e sensibilización medioambiental entre os diferentes colectivos da comunidade universitaria mediante as oportunas actividades.

Difundir entre o público en xeral este compromiso ambiental e calquera outra información pertinente.

Pontevedra, 24 de abril de 2015

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo

Declaración Ambiental do campus de Pontevedra

Aquí tes a túa disposición información básica sobre as actividades e iniciativas desenvolvidas no marco do Programa Green Campus e diversa documentación concibida en relación cos obxectivos e coas áreas temáticas prioritarias do Green Campus. En particular, poderás consultar o plano de acción que guiará a implantación das diversas accións.

Pavillón verde: deporte sostible no campus de Pontevedra

Unha das áreas temáticas principais do Programa Green Campus é da participación, sensibilización e voluntariado ambiental. Como participar no Programa Green Campus?

  • Se es conscientes do espazo natural no que está inmerso o campus de Pontevedra e dos desafíos ambientais que supón a actividade universitaria.
  • Se participas accións ambientais que se desenvolven no campus, entre as que figura o voluntariado ambiental.
  • Achegando ideas en relación coas temáticas antes descritas. Para isto contas, entre outras canles, coa Caixa verde.
  • Formando parte da comisión ambiental da túa facultade e asistindo ás reunións de coordinación.
  • Elaborando o teu traballo de fin de grao ou máster, tese de doutoramento ou proxecto de investigación en relación coa sustentabilidade do campus de Pontevedra.

 

Certificación Green Campus