Facultade de Fisioterapia

Grao en Fisioterapia

O Título de Grao en Fisioterapia iniciou a súa andaina dentro do novo marco establecido polo Espazo Europeo de Educación Superior no curso 2009/2010. En dito curso pasamos da Diplomatura de Fisioterapia, cunha duración de tres anos, ao Grao en Fisioterapia, de catro anos. Esta implantación do Título de Grao realizouse dos 4 cursos á vez, sendo a única en España en realizalo de tal xeito, pois a maior parte do alumnado da Diplomatura continuou coa súa formación dentro do novo Título de Grao. Iso conlevou, en xuño de 2010, a graduación da primeira promoción de Graduados e Graduadas de Fisioterapia da Universidade de Vigo.

O obxectivo básico do Grao en Fisioterapia é formar profesionais da Fisioterapia que den resposta ás demandas dunha sociedade cambiante, multicultural e que demanda cada vez máis unha maior calidade nas prestacións. Polo tanto, pretende facilitar a adquisición das competencias necesarias para a prestación dunha atención de calidade ao usuario que demande os seus servizos, ben sexa na recuperación e rehabilitación de disfuncións ou discapacidades somáticas, ben sexa na promoción da saúde e prevención da enfermidade.

Para acadar este obxectivo, deseñouse un Título de 240 créditos ECTS distribuido en 4 anos seguindo as indicacións das normativas desenvoltas vencelladas ao Espazo Europeo de Educación Superior. O crédito ECTS é a unidade de medida da carga de traballo do estudantado, representando o tempo que é considerado necesario para adquirir as competencias establecidas e obter uns resultados de aprendizaxe mínimos. Na Universidade de Vigo, a normativa establece que un crédito ECTS corresponde con 25 horas de traballo do alumnado, conformadas tanto por actividades presenciais (docencia de aula, prácticas de laboratorio, seminarios, etc.), como por traballo autónomo do estudantado (preparación de traballos, resolución de casos clínicos, estudo para os exames, etc.).

De xeito resumido, o Grao en Fisioterapia estructurase en cinco módulos de cara a facilitar acadar o seu obxectivo básico:

Módulo Carácter formativo Curso ECTS
Formación Básica Formación común do ámbito das Ciencias da Saúde 1º e 2º 60
Formación Obrigatoria Formación de contido específico da Titulación establecida pola UVIGO 2º e 4º 15
Formación Específica Formación específica do ámbito profesional da Fisioterapia 1º, 2º y 3º 90
Optatividade Formación complementaria a elección do estudantado en ámbitos específicos e especializados relevantes, non desenvoltos en módulos anteriores 24
Prácticas Tuteladas e Traballo Fin de Grao Formación clínico-asistencial, así como formación para elaborar o TFG 51

 

A formación ofrecida no Título está orientada, fundamentalmente, á función asistencial do futuro estudantado egresado, se ben tamén se lle dota de ferramentas básicas aplicables a tarefas de investigación, divulgación científica e docencia.