Estudantes de Fisioterapia fórmase na detección precoz da violencia machista

As e os profesionais da medicina e enfermaría de atención primaria, matronas e fisioterapeutas son “pezas clave no sistema sanitario” para a detección precoz de casos de violencia machista, como explicou este xoves na Facultade de Fisioterapia a subdirectora de Enfermaría da Área Sanitaria de Vigo, Mar de la Peña. Co propósito de proporcionar aos futuros e futuras profesionais da fisioterapia unha formación inicial sobre violencia de xénero e sensibilizalos do papel que poden xogar en materia de detección precoz, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia organizou este xoves neste centro o curso Atención a mulleres en situación de violencia de xénero.

Con 75 inscritos e inscritas, trátase dunha actividade formativa que a Escola Galega de Saúde para Cidadáns da Consellería de Sanidade promove en diferentes facultades e escolas vinculadas ao ámbito sanitario. “O noso obxectivo é primeiro sensibilizar a todas as persoas que no seu día van comezar a traballar como profesionais da saúde para que sexan capaces de detectar mulleres en situación de violencia de xénero, porque sabemos que hai moitísimos casos que están infradiagnosticados”, explicou De la Peña Cristiá. A responsable deste curso estivo acompañada na súa presentación pola decana de Fisioterapia, Eva María Lantarón, que destacou que se trata dunha actividade “moi interesante” para os futuros e futuras profesionais e amosou a súa satisfacción polo feito de que esta fose a edición do curso, como explicou De la Peña, con maior presenza de alumnos, e constatar así “que homes e mulleres estamos todos interesados na detección da violencia de xénero e de prestar a mellor atención a todas as mulleres que poidan sufrila”.

Ler a noticia completa no DUVI