Diferentes actividades abertas tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía integran o programa da Semana da Creatividade e da Innovación, que a Vicerreitoría do campus impulsa no marco do Campus Crea e no que se insire o obradoiro de graffiti que este mércores convidou á comunidade universitaria a deixar a súa pegada, spray en man, no mural que ao longo da mañá se realizou diante da Facultade de Fisioterapia. Do mesmo xeito e buscando tamén á participación do alumnado, este xoves terá lugar no campus a creación dun mural con material de refugallo, á vez que a comunidade universitaria terá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a oportunidade de achegarse á realidade virtual.
Un cerebro voando a lombos dun lapis de cor constituía o motivo central do mural deseñadp por integrantes de Vella Escola, entidade especializada en actividades relacionadas coa cultura urbana; un mural non obstante aberto ás achegas e modificacións de todos aqueles e aquelas que quixesen sumarse. “Partimos dunhas ideas básicas en referencia á temática da semana, pero dependendo da creatividade dos participantes o mural irá un pouco para un lado ou para outro”, salientaba Pablo Castiñeira ao inicio dunha actividade dirixida “a achegar o graffiti ao público xeral”.