A divulgación do patrimonio cultural que rodea ás grandes vías de peregrinación de Europa é o obxectivo central do proxecto europeo rurAllure, que lidera a Universidade de Vigo e no que participan 15 institucións e empresas de seis países europeos. Un dos catro proxectos piloto que abrangue a iniciativa coordinada polo investigador de altanTTic Martín López Nores ten como eixo o patrimonio literario dos camiños de Santiago e nel rurAllure suma a participación do grupo de investigación en Medicina e Saúde Pública (MP1) da Facultade de Fisioterapia, que se encarga de reunir a información relativa ao patrimonio do Camiño Miñoto Ribeiro, unha antiga ruta de peregrinación a Compostela desde o sur da provincia de Ourense. Con ese obxectivo, o grupo que coordina a profesora Lourdes Maceiras promoveu a sinatura dun convenio de colaboración entre rurAllure e a Asociación Camiño Miñoto Ribeiro, que agrupa os concellos polos que transcorre esta ruta arredor da que, como explica, levantáronse no seu día hospitais medievais e lazaretos e que era empregada polas persoas enfermas de lepra para chegar a Compostela.
Coa sinatura deste convenio por parte do alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, a asociación converteuse en “socio asociado” de rurAllure, un proxecto financiado con tres millóns de euros polo programa H2020 da Unión Europea e que busca pór en valor o patrimonio rural que rodea ás grandes vías de peregrinación, buscando ampliar as experiencias daqueles e aquelas que as atravesan achegándolles a oferta cultural das áreas próximas a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación. Nese propósito, o grupo MP1 traballa coa asociación na identificación do patrimonio cultural ligado a un camiño que non ten a consideración de oficial de ruta xacobea e que enlaza o norte de Portugal con Compostela, atravesando os concellos galegos de Lobios, Entrimo, Padrenda, Pontedeva, Cortegada, A Arnoia, Castrelo de Miño, Ribadavia, Beade, Leiro, O Carballiño, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra e Boqueixón.