Unha das problemáticas derivadas da realización dunha mastectomía ás mulleres afectadas por un cancro de mama é a aparición do linfedema, a inchazón do brazo afectado pola extracción dos ganglios linfáticos, que deriva nunha diminución de mobilidade, dor, sensación de pesadez ou falta de sensibilidade no membro afectado. Fronte a esta patoloxía, a realización dunha drenaxe linfática manual por parte das e os fisioterapeutas tense amosado como un tratamento eficaz á hora de reducir a acumulación de linfa que provoca esta inchazón e as problemáticas que desta derivan. Comprobar a efectividade de manter no tempo este tratamento, nunha fase de mantemento do linfedema, é o obxectivo do estudo que investigadoras do grupo FS1 da Facultade de Fisioterapia desenvolven nestes meses en colaboración coa Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (Agl).
“A drenaxe linfática aplícase en etapas temperás e nós o que queremos demostrar é que hai que realizala tamén nunha fase de mantemento ao longo da vida”, apunta Eva Mª Lantarón, decana de Fisioterapia e investigadora principal deste estudo xunto coas investigadoras da facultade Mercedes Soto, Rocío Abalo e Iria Da Cuña. No marco da colaboración que manteñen con esta asociación, o estudo busca “demostrar os beneficios” dese tratamento de mantemento que reciben as súas socias, o que nestas semanas levounas a realizar as primeiras dunha serie de avaliacións ás preto de 40 mulleres participantes na investigación. Todas elas, explica Lantarón, son pacientes que se viron afectadas por un cancro de mama, que padeceron linfedema tras a mastectomía e que, despois da drenaxe linfática inicial, continuaron recibindo tratamento por parte das e os fisioterapeutas que colaboran coa asociación.