Pasiflora, lavanda, romeiro, ourego, tomiño ou diversos tipos de mentas poden atoparse desde este luns a carón da Facultade de Fisioterapia, que completaba esta mañá a preparación do seu horto medicinal. Impulsada pola Comisión Ambiental do centro, a creación deste horto forma parte das accións propostas desde a facultade para o plan de acción do programa Green Campus. Xunto coas e cos integrantes desta comisión, a plantación das diferentes especies contou nesta xornada coa participación do alumnado da materia de farmacoloxía do grao, que previamente indagaron nas utilidades deste tipo de plantas no marco dunha materia que imparte a profesora Lourdes Maceiras
“É unha das accións que propuxo a comisión hai varios anos e que coa pandemia foise retrasando”, salienta a presidenta da comisión e secretaria académica da facultade, Rocío Abalo, que explica que o obxectivo desta iniciativa era tamén achegar ao alumnado “a utilidade das plantas para facer medicamentos”. Para esta iniciativa, Fisioterapia contou coa colaboración do horto escolar do IES Sánchez Cantón, que doou boa parte das plantas, ás que se sumaron, xunto ás adquiridas polo centro, as achegadas polo profesor Vicente Novegil, tamén membro da comisión ambiental.