A aposta das e os profesionais por promover unha recuperación activa dos seus pacientes é un dos factores que motiva o cada vez maior interese das e os fisioterapeutas polo uso terapéutico do pilates, unha práctica de actividade física que lles permite traballar aspectos como o aumento da flexibilidade e da forza muscular, a mellora do patrón respiratorio ante o esforzo e o movemento ou a coordinación, equilibrio e postura corporal. A demanda de maior formación neste eido constitúe de feito o motivo polo que a Facultade de Fisioterapia impulsou o curso complementario Pilates en mat para fisioterapeutas que, baixo a dirección do profesor da Gustavo Rodríguez, inicia este sábado a súa cuarta edición.
Impartido polo fisioterapeuta e profesor asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo Sebastián Jesús Aboal, este curso de 60 horas, que cubriu un ano máis as súas 14 prazas, desenvolverase entre o 1 de febreiro e o 1 de marzo, nas xornadas de sábado e domingo, nas instalacións do Centro Impact Fitness de Pontevedra. “A verdade é que un curso con gran demanda”, recoñece Rodríguez Fuentes, que incide en que o uso terapéutico do pilates é unha temática que suscita “moito interese” tanto entre o alumnado como entre os titulados e tituladas, “posto que houbo un cambio na forma de entender a recuperación dos pacientes na última década, na que prima, se as condicións do paciente o permiten, unha recuperación activa”. De feito, tanto na edición que comeza esta fin de semana como nas tres anteriores, o curso completou as súas 14 prazas, de tal xeito que, ao seu remate, terá formado a máis de 50 fisioterapeutas, cifra á que hai que sumar os preto de 50 estudantes e profesionais que participaran previamente nas dúas edicións dos cursos básico e avanzado que precederon ao actual formato da actividade.