Cos votos favorables dos dez integrantes da Xunta de Facultade que participaron nunha votación que se levou a cabo de xeito virtual, a profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Eva María Lantarón foi reelixida este martes decana de Fisioterapia. A docente, que continuará tres anos máis á fronte do centro do campus pontevedrés, concorreu ao proceso electoral cunha candidatura que completaban as profesoras Mercedes Soto e Rocío Abalo, que xa foran vicedecana e secretaria académica, respectivamente, no anterior mandato. “Con ilusión” recibía Lantarón este apoio unánime da Xunta de Facultade, na que participaron dez dos seus 16 membros, situando como principal reto desta nova etapa a posta en marcha dun mestrado propio no centro.
“Aínda que foron complicados polas circunstancias, realmente estes tres últimos anos foron ao mesmo tempo gratificantes, porque houbo moita sintonía entre o persoal da facultade e remamos todos no mesmo sentido”, salienta Lantarón deste “voto de confianza, que nos anima a continuar traballando”. A docente, que en 2018 fora elixida decana con dez votos a favor e dúas abstencións tras unha primeira etapa á fronte da facultade entre 2013 e 2016, lembra que nestes últimos tres anos acometeron a reforma do plan de estudos do grao, xa implantada no presente curso e que implicou “unha modificación das materias optativas, adaptándoas ás necesidades do mercado laboral”. Do mesmo xeito, neste período tamén inciaron o proceso para a creación dun mestrado, que levou a que o pasado mes de abril o Consello de Goberno aprobase a declaración de interese dun futuro Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia.