Aínda que finalmente foron preto de 50 as persoas que este mediodía tomaron a saída na Carreira Solidaria de Fisioterapia 2019 que, á iniciativa do alumnado e coa colaboración do Servizo Municipal de Deportes, a facultade organizou este mediodía na Illa das Esculturas, foron 90 os inscritos e inscritas nunha proba que destinará o recadado a través das inscricións á asociación Amencer-Aspace. De feito, contribuír ao labor que esta asociación leva a cabo con persoas con parálise cerebral e, á vez, promover á práctica da actividade física e impulsar unha iniciativa diferente no día no que o centro celebra a festa do seu patrón, San Aquiles, eran os obxectivos principais dunha proba que contaba cunha cota de inscrición de 2 euros, destinados a esta asociación.
De feito, segundo explica a alumna Teresa Bellón, unha das responsables da organización desta carreira solidaria, “preto de 20 persoas inscribíronse na modalidade do dorsal 0, xa que se trataba de xente que quería colaborar” pero que non ía completar o percorrido proposto de 2,7 quilómetros pola Illa das Esculturas. Si o fixeron preto de 50 persoas, entre eles estudantes e antigos estudantes da facultade, así como docentes e persoal da facultade, xunto con persoas alleas á comunidade universitaria e un alumno e unha alumna do Programa Universitario para Maiores.