O interese de estudantes e profesionais por ampliar a súa formación respecto das aplicacións do pilates, un método de actividade física que permite traballar o aumento da flexibilidade e da forza muscular, así como a mellora do patrón respiratorio ante o esforzo, do equilibrio e da postura corporal, motiva un ano máis a organización, por parte da Facultade de Fisioterapia, dun curso sobre o uso do pilates en solo para a prescrición de exercicio terapéutico. Coas súas 14 prazas xa cubertas desde novembro, a quinta edición do curso complementario Pilates en mat para fisioterapeutas desenvolverase a partir do 6 de febreiro nas instalacións do Centro Impact Fitness de Pontevedra e será impartido polo fisioterapeuta e profesor asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo Sebastián Jesús Aboal.
Aberto tanto a titulados e tituladas como a estudantes dos dous últimos cursos do grao en Fisioterapia, o feito de que esta formación “se manteña no tempo”, tendo en conta ademais que a titulación conta cunha materia optativa “que practicamente cursa o 80% ou 90% do alumnado ano tras ano, fala por si só do interese destes contidos”, salienta o profesor Gustavo Rodríguez, director deste curso de 60 horas. De carácter fundamentalmente práctico, será impartido por un fisioterapeuta “cunha ampla experiencia clínica e docente no método”, como salienta Rodríguez Fuentes, que lembra que Aboal imparte tamén esta formación para entidades como o Colexio Profesional de Fisioterapeutas de Galicia. Sumado aos dous cursos de nivel básico e avanzado que precederon ao actual formato, esta actividade ten formado ao longo dos anos preto dun cento profesionais, mantendo nesta nova edición os contidos que centran o seu programa, “pero sempre actualizándoos con nova evidencia científica”.