Con máis de 1500 corredores e corredoras inscritos, o Medio Maratón Cidade de Pontevedra, celebrado este domingo, contou un ano máis coa colaboración das unidades da Facultade de Fisioterapia. Once alumnos e alumnas deste centro do campus pontevedrés colaboraron co evento deportivo na unidade instalada no Pavillón Universitario, onde antes e despois da proba prestaron asistencia a máis de 60 participantes nesta carreira popular. Dirixidas a achegar ao alumnado dos últimos cursos da titulación a unha experiencia de tratamento real con pacientes, a unidade “contou principalmente con alumnado de terceiro curso, que vivía a súa primeira experiencia” nesta actividade, como salienta a coordinadora destas unidades, a profesora Yoana González. O titulado Sergio Lamas, que na súa etapa como alumno da facultade formou parte destas unidades de voluntariado, exerceu nesta ocasión como coordinador deste grupo de estudantes “que tivo que atender principalmente sobrecargas musculares, aínda que tamén algunha picada muscular e unha escordadura de nocello”, apunta González.
O alumnado de Fisioterapia pon en práctica os seus coñecementos no Medio Maratón Cidade de Pontevedra
Prestaron asistencia a máis de 60 participantes na proba