As unidades de voluntariado de Fisioterapia asistiron a máis de 400 participantes no Mundial Multisport

O pasado sábado, Pontevedra celebraba a clausura do Campionato do Mundo Multisport da International Triathlon Union (ITU), que entre o 27 de abril o 4 de maio reuniu na cidade preto de 4000 deportistas e que supuxo así mesmo unha oportunidade para entrar en contacto con casos clínicos reais para preto de 50 alumnos e alumnas da Facultade de Fisioterapia, que participaron nas unidades de voluntariado coas que o centro colaborou co evento. Na que foi a colaboración cunha competición deportiva que reuniu un maior número de estudantes, polo posto co que a facultade contou no Pavillón Universitario pasaron máis de 400 deportistas durante os diferentes días de competición, entre eles preto de 150 participantes no Campionato do Mundo de Triatlón de Longa Distancia celebrado na xornada do sábado.

Entrar en contacto con pacientes reais e facelo ademais con “deportistas de alto rendemento” constituían os principais alicientes para o alumnado desta colaboración co mundial, como sinala a profesora da facultade e coordinadora destas unidades de voluntariado, Yoana González. “Tiveron a oportunidade de traballar cos mellores deportistas de triatlón a nivel mundial. Á nosa unidade acudiu, entre outros, o campión do mundo Bienvenido Ballester”, engade González do labor que, en diferentes quendas dun mínimo de 12 persoas, estes preto de 50 alumnos e alumnas desenvolveron baixo a coordinación de dez docentes e antigos estudantes da facultade, que se encargaban de guialos e supervisalos na asistencia aos e ás deportistas.

Ler a noticia completa no DUVI