Facultade de Fisioterapia

Fisioterapia achégase ás aplicacións clínicas da acupuntura

Ofrecer unha “información rigorosa nos aspectos teóricos e prácticos” das aplicacións clínicas da acupuntura, así como promover un maior coñecemento da medicina chinesa, eran os dous obxectivos do coloquio que na tarde deste mércores acollía a Facultade de Fisioterapia. O médico e codirector do máster en Acupuntura da USC Fernando Salgado e o fisioterapeuta, egresado da facultade, Juan Antonio Doce foron os responsables desta actividade promovida pola facultade e que, como explica a profesora Lourdes Maceiras, reuniu a máis de 70 estudantes no salón de actos.

acupuntura

“Os estímulos acupunturais son, en esencia, estímulos físicos, e como tales o seu ámbito de estudo poderían ser perfectamente os centros de formación en fisioterapia”, salientou Salgado, quen tratou de amosar neste seminario como a acupuntura pode ser “unha ferramenta moi valiosa” para as e os profesionais do eido. “A acupuntura pode ser utilizada en practicamente toda patoloxía musculoesquelética, así como na rehabilitación neurolóxica, existindo unha abundante literatura científica que así o demostra”, engade o conferenciante, que recoñece que o seu descoñecemento “fai que aínda sexan poucos os fisioterapeutas que a utilicen”. Non obstante, si que empregan con frecuencia a punción seca, “que realmente é unha forma de acupuntura simplificada adaptada aos coñecementos habituais da medicina occidental”, sinala.

Ler a nova completa no DUVI