Eva Lantarón, elixida presidenta da conferencia de decanos de Fisioterapia de España

A profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde e decana da Facultade de Fisioterapia, Eva María Lantarón, converteuse este xoves na nova presidenta da Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Fisioterapia (CNDFF), na que están representadas as 57 universidades españolas, públicas e privadas, nas que se imparte esta titulación. Nunha votación celebrada no marco dunha sesión ordinaria do plenario da conferencia, celebrado de xeito virtual, a súa candidatura, a única que se presentou neste proceso, recibiu 39 votos a favor e unha abstención. Como un “reto”, que terá como eixos “seguir loitando, a nivel académico e profesional” por dar resposta ás diferentes necesidades da titulación, recibiu Lantarón a súa elección para situarse á fronte da conferencia os próximos tres anos.

A docente do campus pontevedrés, que toma o relevo de Fausto José Barbero, da Universidade de Salamanca á fronte da CNDFF, encabezou unha candidatura completada por Jesús Ángel Seco, representante do grao en Fisioterapia na Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade de León, como vicepresidente; Esther María Medrano, vicedecana da Facultade de Ciencias de Enfermaría, Fisioterapia e Podoloxía da Universidade de Sevilla, como secretaria; e Juan Martínez, vicedecano do grao en Fisioterapia da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade Católica de Murcia, como tesoureiro. Trala súa elección, a nova presidenta incidiu na importancia de “seguir avanzando para conseguir determinados retos”, como contribuír a que a fisioterapia poida “crecer a nivel académico e de investigación”, a diferenciación de especialidades ou abordar as dificultades que os requisitos de acceso aos corpos docentes supoñen para o profesorado desta área á hora de “progresar na súa carreira académica”. Do mesmo xeito, a nova presidenta deste órgano colexiado puxo de relevo o positivo deste nomeamento en termos de “visibilidade, tanto da propia facultade como da Universidade de Vigo”.

Ler a noticia completa no DUVI