Investigadoras de Fisioterapia demostran a eficacia dun tratamento precoz fronte á incontinencia urinaria trala extirpación da próstata

Un programa de fisioterapia precoz permite recuperar, aos tres meses, a continencia urinaria ás persoas que, por mor do cancro, tiveron que ser sometidas á extirpación da próstata. Esta é a principal conclusión dun estudo levado a cabo polo grupo de investigación en Fisioterapia (FS1), cuxos resultados foron publicados na revista Neurology and Urodynamics. As investigadoras da Facultade de Fisioterapia Mercedes Soto, Eva Lantarón e Iria Da Cuña e o que fora, ata a xubilación, coordinador deste grupo, Manuel Gutiérrez, son as responsables deste estudo, levado a cabo con preto de 50 pacientes de cancro de próstata e no que contaron coa colaboración do xefe de Uroloxía da Área Sanitaria de Vigo, Antonio Ojea, e da uróloga Sabela López. Os pacientes participantes nesta investigación sometéronse, durante tres meses, a un programa de electroterapia e biofeedback, tralo que o 64% acadaron esa continencia urinaria, que só lograran o 9,1% dos integrantes do grupo de control do estudo, que non se someteu a ningún tratamento específico.

“Existían estudos previos que xa apuntaban neste sentido e que presentaban resultados parecidos, pero que non tiñan unha mostra suficiente ou nos que non estaba moi claro o tratamento que utilizaban, polo que non podías reproducilo”, salienta Soto. Nese senso, a súa investigación buscaba demostrar a eficacia deste tratamento fronte ao que é un dos principais problemas derivados da prostactomía radical, intervención cirúrxica consistente na extirpación da próstata e das súas vesículas seminais, que permite reducir en gran medida os índices de mortalidade deste tipo de cancro. “Hai homes que poden chegar a perder ao día litro e medio de urina, é dicir, todo o que beben”, salienta Soto para pór de relevo a “perda da calidade de vida” que supón a incontinencia que padecen este tipo de pacientes trala operación. De aí que a investigación puxese o foco na importancia dunha intervención precoz para acelerar o proceso de recuperación. De feito, os participantes no estudo realizaron tamén un cuestionario dirixido a coñecer a súa percepción respecto da súa calidade vida trala operación, “que se amosaba bastante diminuída, porque estamos falando de perdas moi importantes”, salienta Da Cuña.

Ler a noticia completa no DUVI